Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

A multitudinaria manifestación do metal ateiga a entrada do Ifevi

    O sector do metal da provincia de Pontevedra tomou este martes as rúas de Vigo na segunda das tres xornadas de folga convocadas (a vindeira será o día 22). A convocatoria parte das Federacións de Industria de CCOO, CIG e UGT. Hoxe, a multitudinaria mobilización colapsou a entrada do recinto feiral de Vigo (IFEVI), onde ten lugar a feira sectorial MindTech.

    20/06/2023.
    Manifestación do sector do metal da provincia de Pontevedra (20/6/2023)

    Manifestación do sector do metal da provincia de Pontevedra (20/6/2023)

    Os sindicatos cualifican de «insultantes» e «irrisorias» as propostas da patronal e non ven un acordo antes do verán. A proposta patronal de incremento salarial dun 0,5 %, 2,5 % e 2,5 % para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión, é inaceptable. «Apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo», afirman as tres organizacións.

    Este convenio abrangue unhas 3700 empresas e máis de 33.000 traballadores e traballadoras. O secretario comarcal de CCOO-Industria en Vigo, Celso Carnero, sinalaba ao termo da mobilización da semana pasada que elementos como custo da vida ou o encarecemento das hipotecas non lles permiten a numerosas familias chegar a fin de mes; «non podemos ser traballadores pobres, debemos ter máis solvencia».